Publicada no DOG de 20 de maio de 2021, a Orde do 6 de maio de 2021 (en documento adxunto a este comunicado), pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2021/2022.
Esta orde entra en vigor hoxe, 21 de maio, que é a data de apertura da aplicación. O código deste procedemento na sede electrónica da Xunta é o ED330B
No noso caso a orde ten por finalidade, definida no artigo 1º:
a) A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP) e en 1º , 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO). Cursos en que necesariamente se manterán os libros de texto do curso 2020/21.
b) A convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.
Presentación de solicitudes (Art. 9º).
- A solicitude presentarase presencialmente nos centros docentes, ou preferiblemente por sede electrónica, utilizando o modelo regulado como Anexo I da orde.
- Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.1. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.
- A solicitude será única para todos os fillos que estean admitidos no mesmo centro docente. Se estivesen admitidos en centros distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros. Este ano de xeito excepcional, as solicitudes serán recollidas en portería en hoarario de 8:30 a 18:00.
- En caso de solicitudes tramitadas temáticamente a través da aplicación “Fondolibros”,será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.
- Cando o alumno, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2021/2022, deberá presentala no centro no que estivese matriculado no curso 2020/2021. O centro rexistrará a solicitude en prazo e enviaraa ao centro de destino no que resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.
- A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, cumpre os requisitos esixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.
Prazo para presentar solicitudes. (Art. 10º.)
1. O prazo para presentar solicitudes iniciarase hoxe, 21 de maio, e rematará o día 22 de xuño de 2021 (incluído), data de remate das clases.